Agalber, a asociación que reúne a 90 dos 300 albergues privados que existen no noso territorio, fai fincapé na súa dependencia do turismo estranxeiro, o que lles deixa en situación de precariedade
A rede de albergues privados asociada a Agalber pon de manifesto o seu peso específico como parte do sector turístico galego para reivindicar maiores apoios e un plan específico para este tipo de establecementos turísticos, profundamente afectados pola crise do coronavirus, ao depender na súa práctica totalidade do Camiño de Santiago e da mobilidade nacional e especialmente estranxeira. “Os albergues privados son os establecementos con máis dificultades do sector turístico para saír desta crise, e para conseguilo pedimos que se tomen medidas efectivas e con dotación económica canto antes”, explican desde esta asociación.
O colectivo, que dá traballo directamente a máis de 1200 persoas, gran parte delas en zonas rurais. ofrece máis de 13000 prazas, o 75% das dispoñibles en todos os camiños, e en 2019 facturou máis de 22 millóns de euros, xerando miles de empregos indirectos en empresas de servizos e provedores en toda Galicia.
Ante a situación provocada pola crise da COVID 19 e a paralización na afluencia dos peregrinos, que representan máis do 90% dos seus clientes – 65% deles son estranxeiros- a situación dos albergues converteuse en moi complicada, ao tratarse de establecementos pensados para compartir todos os seus espazos. “Esta característica que nos define nesta crise é tamén o gran problema dos nosos establecementos. Entendemos que as medidas de distanciamento social son imprescindibles para evitar o colapso da sanidade e salvar moitas vidas, e por suposto os albergues que vaian abrir están dispostos a tomar todas as medidas de prevención e desinfección que sexan necesarias, para garantir a seguridade dos nosos traballadores e dos peregrinos e turistas que aloxemos”, explican nun comunicado, “pero esta adaptación terá uns custos que moi poucos poderán asumir. Cun prezo por cama moi reducido, uns aforamentos máximos inferiores ao 50%, e unhas previsións de chegada de peregrinos moi baixas, a viabilidade económica dos albergues para os próximos meses será moito máis difícil que de calquera outro establecemento de aloxamento”.
O comunicado de Agalber incide tamén en que moitos dos propietarios e hospitaleros destes albergues son colectivos de risco fronte á pandemia polo que non abrirán nos próximos meses e poderíase dar o caso de que se chegasen a perder moitas camas de face ao Xacobeo 2021. Por todo iso desde Agalber demandan á Xunta:
- Creación dun distintivo avalado pola consellería de Turismo, similar o Clean and Safe de Portugal, que sexa gratuíto e que distinga aos establecementos que implementen os plans de continxencia e as recomendacións publicadas no manual de Albergues, para axudalos a transmitir a imaxe de seguridade que agora é imprescindible. Os pequenos establecementos
neste momento non poden permitirse os altos custes que teñen os selos promovidos polas empresas certificadoras. - Prestación por cesamento de actividade mentres non exista unha vacina ou tratamento para o SARS-Cov-2 para os propietarios daqueles establecementos que o soliciten por ser persoas de alto risco .
- Novas liñas de financiamento do IGAPE avaladas pola Xunta sen intermediación de sociedades de garantía mutua.
- Plan de actuación no caso de que exista un positivo nalgún establecemento, con axudas económicas para a desinfección do establecemento e para o propietario durante o tempo que deba permanecer en corentena e tamén para os traballadores.
- Subvencións a fondo perdido para adaptación ás novas normativas de hixiene e prevención de riscos ante a Covid-19, para a elaboración dos plans de continxencia co asesoramento de profesionais, e para a contratación de servizos e compra de equipos de higienización e desinfección específica para Covid-19.
- Axudas para dixitalizar os sistemas de check-in nos albergues, que eviten o contacto cos documentos dos viaxeiros, e fágase de maneira áxil sen colas e aglomeracións na recepción dos establecementos. Tamén para a creación dunha App especializada para os albergues persoais que permita os peregrinos e outros clientes reservar con antelación e evitar a concentración da chegada en horas punta entre outras funcións.
- Cursos interactivos de formación en limpeza, desinfección e prevención de contagios por Covid-19, formación profesional en linguas estranxeiras para hostalaría, de mercadotecnia e promoción online, de uso das redes sociais de empresa, de uso de ferramentas informáticas de xestión de hostalaría, de calidade e excelencia no servizo o cliente, etc.
- Campañas de promoción con posta en valor da calidade e o valor engadido que achegan os albergues á experiencia do Camiño. Apoio económico os albergues para ter unha representación acorde a súa importancia nas feiras de turismo, especialmente nas dedicadas ao Camiño.