- A cita internacional celebrarase en Italia entre o 8 e o 10 de outubro
O Clúster Turismo de Galicia (CTG) lanzou unha convocatoria para participar nunha nova misión comercial á feira TTG Incontri Rímini, un dos eventos profesionais de referencia no ámbito do turismo europeo, que se celebrará na cidade italiana do 8 ao 10 de outubro de 2025. O obxectivo principal é ofrecer ás empresas galegas unha plataforma para fortalecer a súa presenza en mercados exteriores e crear novas oportunidades de negocio internacional.
Turismo de Galicia contará na feira cun espazo expositivo propio, composto por un mostrador informativo e unha mesa de traballo. Esta última estará habilitada para facilitar as reunións de negocio das empresas participantes na misión comercial.
A expedición estará limitada a un máximo de 8 participantes. O paquete previsto inclúe voos de ida e volta (con saída o martes 7 de outubro e regreso o venres 10), aloxamento en Rímini en réxime de almorzo, traslados entre o aeroporto e o hotel, e seguro de viaxe. O custo de participación ascende a 800 euros por persoa, en concepto de servizos de internacionalización.
- Proceso de inscrición
Para formalizar a participación, as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a secretariatecnica@clusterturismogalicia.com, antes do luns 28 de xullo ás 15:00 horas, anexando:
- Nome e apelidos
- DNI
- Empresa á que pertencen
- Datos de contacto e de facturación
- Xustificante do ingreso de 800,00 euros (en concepto de “Servizos de Internacionalización na feira TTG – Incontri Rímini 2025”)
- O ingreso debe realizarse na conta do Clúster Turismo de Galicia con IBAN: ES56 0081 0499 6000 0167 4368
No caso de que unha persoa confirmada non asista sen causa xustificada recoñecida polo seguro de cancelación, deberá abonar unha penalización de 2.000 euros.
- A iniciativa busca promover a internacionalización do sector turístico galego
Esta iniciativa enmárcase na estratexia do CTG de seguir apoiando a internacionalización das empresas turísticas galegas, facilitando a súa presenza en feiras clave do calendario europeo e promovendo o posicionamento de Galicia como destino competitivo e profesionalizado.