A Xunta ofrece 350 rutas guiadas para visitar o Parque Nacional das Illas Atlánticas entre xullo e setembro

  • A inscrición pódese facer previamente na web da central de reservas ou de xeito presencial nas casetas de información de Cíes e Ons o propio día da visita.
  • As excursións faranse en grupos reducidos para ofrecer unha experiencia de calidade.

 

Un ano máis a Xunta de Galicia pon en marcha o seu programa de rutas guiadas para visitar o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia durante o verán. Desta quenda son 350 as rutas organizadas, con aproximadamente 4.000 prazas dispoñibles.

 

Todas as visitas son gratuítas, mais os visitantes deberán facerse cargo do traslado ata a illa. Co fin de ofrecer unha experiencia da máxima calidade, todas as rutas faranse en grupos reducidos.

 

No caso de Cíes e Ons, as persoas interesadas poderán apuntarse de xeito presencial nas casetas de información localizadas nas propias illas ou a través da central de reservas. As visitas con guía realizaranse diariamente ata o venres, 15 de setembro. Ademais disto, tamén se organizan excursións (con 250 prazas) todos os mércores ás 12:00 horas durante os meses de xullo e agosto no caso de Cíes, e os xoves á mesma hora no de Ons.

 

Para Cortegada e Sálvora realizaranse excursións para grupos de 10 a 15 persoas, con 154 prazas en total. A reserva só se poderá realizar a través da páxina web habilitada. Para Cortegada ofrécense 6 visitas todos os domingos, desde o 23 de xullo ata o 27 de agosto. Para Sálvora: o mesmo número de visitas, pero cada luns desde o 24 de xullo ao 28 de agosto.

 

A solicitude a través da central de reservas das visitas polos arquipélagos de Sálvora e Cortegada poderá facerse ata o xoves anterior ao da excursión; e para Cíes e Ons ata 24 horas antes da realización da ruta para reservas en liña, ou no mesmo día en caso de anotarse de xeito presencial.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.