- Esta iniciativa conforma un programa completo de actividades de enoturismo, desenvolto de forma continua e simultánea, nos cinco grandes territorios vitivinícolas galegos.
A través da marca Enoturismo en Galicia, da que forman parte o Clúster Turismo de Galicia e as cinco Asociacións das Rutas dos Viños das Denominacións de Orixe galegas (Monterrei, Ribeiro, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Valdeorras), enmárcase unha estratexia de promoción co obxectivo de incentivar o desenvolvemento do enoturismo en Galicia: a Primavera de Portas Abertas.
O programa terá lugar durante cinco fins de semana, entre os meses de maio e xuño:
- Valdeorras: do 3 ao 5 de maio.
- Rías Baixas: do 10 ao 12 de maio.
- Ribeiro: do 17 ao 19 de maio.
- Ribeira Sacra: do 24 ao 26 de maio.
- Monterrei: do 31 de maio ao 2 de xuño.
Durante este tempo, os participantes poderán gozar de visitas guiadas e gratuítas ás adegas que forman parte desta promoción. Ademais, haberá restaurantes que ofrecerán menús especialmente concibidos para a ocasión, así como aloxamentos con ofertas especiais para a fin de semana.
En cada unha das Rutas dos Viños de Galicia, levarase a cabo un programa especial de actividades para a fin de semana, como autobuses do viño, catas comentadas, visitas a museos, rutas monumentais, paseos en barca e outras accións relacionadas co mundo do viño.
As adegas participantes ofrecerán tres visitas guiadas o sábado e unha o domingo, nos seguintes horarios:
- Sábado: 11:00 h, 12:30 h e 17:00 h.
- Domingo: 12:00 h.