- Un compromiso coa sustentabilidade e a conservación patrimonial
Galicia anunciou a súa adhesión aos principios da Carta Internacional de ICOMOS para o Turismo Cultural Patrimonial 2022, converténdose en pioneira na súa aplicación en contornas rurais. O documento, de referencia internacional, sitúa a protección do patrimonio cultural no centro da planificación turística e promove un modelo sostible que integra conservación, participación comunitaria e acción climática.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, mantivo un encontro con Celia Martínez Yáñez, vicepresidenta do Comité Científico Internacional de Turismo Cultural de ICOMOS e coordinadora da Carta, quen visitou a comunidade para analizar a súa implementación xunto a outros membros do comité.
- Patrimonio rural como motor de desenvolvemento
A adhesión reforza o compromiso galego cun turismo que combine identidade cultural e sustentabilidade, poñendo en valor destinos como a Ribeira Sacra, Os Ancares ou O Courel, así coma outros espazos do interior ourensán. Todos eles representan o tipo de territorios que a Carta quere destacar: lugares onde o turismo debe ser motor económico sen poñer en risco a autenticidade nin a contorna natural.
Con esta incorporación, Galicia busca consolidarse como un modelo replicable de turismo cultural sostible que poida inspirar a outros territorios de interior a nivel internacional.
- Os sete principios da Carta
- Compromiso por situar a protección e conservación do patrimonio cultural no centro da planificación e xestión responsable do turismo cultural.
- Xestionar o turismo nos lugares do patrimonio cultural a través de plans de xestión baseados na capacidade de acollida e outros instrumentos de planificación e vixilancia dos efectos do turismo.
- Enriquecer a concienciación pública e a experiencia dos visitantes mediante unha interpretación e presentación sensibles do patrimonio cultural.
- Recoñecer e reforzar os dereitos das comunidades residentes mediante o acceso e a gobernanza participativa.
- Sensibilizar e reforzar a cooperación para a conservación do patrimonio cultural
- Aumentar a resiliencia das comunidades e do patrimonio cultural.
- Integrar a acción climática e as medidas de sustentabilidade na xestión do turismo cultural e o patrimonio cultural.