- O prazo de inscrición estará aberto ata o martes, 30 de setembro.
O Clúster Turismo de Galicia abriu o prazo de inscrición para participar na misión comercial á feira internacional de turismo WTM London 2025, que se celebrará do 4 ao 6 de novembro na capital británica. Esta cita é un dos encontros profesionais máis relevantes do sector turístico a nivel mundial e representa unha oportunidade clave para a proxección internacional das empresas galegas.
A expedición comezará o luns 3 de novembro, con saída desde o aeroporto de Santiago de Compostela cara a Londres-Heathrow. A viaxe inclúe maleta facturada, traslados en autocar entre aeroporto e hotel, e aloxamento no Blakemore Hyde Park en réxime de aloxamento e almorzo. O regreso está previsto para o xoves 6 de novembro pola noite. Como novidade, o programa tamén contempla a organización dunha cea networking para favorecer a xeración de contactos profesionais.
- As prazas son limitadas a 18 participantes.
O custo de participación é de 800 euros por persoa, en concepto de “Servizos de Internacionalización en WTM London 2025” na conta ES56 0081 0499 6000 0167 4368. Para formalizar a inscrición, as empresas interesadas deberán enviar un correo a secretariatecnica@clusterturismogalicia.com, incluíndo os datos persoais, de contacto e de facturación, xunto co xustificante do ingreso na conta habilitada. O prazo finaliza o 30 de setembro e as prazas son limitadas a 18 participantes.
En caso de recibir máis solicitudes que prazas, aplicarase un criterio de prioridade segundo a tipoloxía de empresa:
- Grupo 1: Comercialización e distribución (grosistas, axencias receptivas). Máximo 2 prazas por entidade.
- Grupo 2: Aloxamento e oferta complementaria (hoteis, turismo rural, cámpings, turismo activo, náutico, MICE, etc.). Máximo 1 praza por entidade.
- Grupo 3: Outras entidades. Máximo 1 praza por entidade.
Cabe lembrar que toda persoa que confirme a súa asistencia e non acuda á viaxe deberá abonar 1.660 euros, salvo que a ausencia estea cuberta polo seguro de cancelación.
A participación en WTM London permitirá ao tecido turístico galego reforzar a súa visibilidade no mercado internacional e consolidar lazos comerciais nun escenario de máxima relevancia para a industria.