Vive o Camiño ofrece este verán máis de 40 actividades

O programa de artes escénicas Vive o Camiño ofrecerá durante desde finais de xuño e ata o mes de setembro máis de 40 actividades gratuítas dirixidas a todos os públicos, que se celebrarán nos concellos galegos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués da Costa. Con eles Turismo de Galicia, impulsor da iniciativa, busca encher de música e teatro o territorio do itinerario do Camiño Portugués e do Portugués pola Costa, as dúas rutas ás que o Goberno galego dedica en 2018 os seus esforzos, como parte do cronograma do Plan Director do Camiño.

En total, programaranse 44 actividades gratuítas, entre contacontos e actuacións musicais, a cargo de diferentes artistas, accións que irán acompañadas dunha exposición informativa tanto do Camiño Portugués como do Camiño Portugués da Costa.

A primeira parada de ‘Vive o Camiño’ será o vindeiro luns, 25 de xuño, no concello pontevedrés da Guarda, e a última, o 14 de setembro, no municipio coruñés de Ames. A oferta distribuirase polo Rosal, Oia, O Porriño, Nigrán, Pontevedra, Baiona, Mos, Valga, Vigo, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, Barro, Caldas de Reis, Tui, Portas, Pontecesures, Padrón, Rois, Dodro e Teo.
A programación inclúe a particular proposta de contos e historias das árbores do Camiño Portugués, que concienciará da importancia de protexer o patrimonio forestal da ruta xacobea, a cargo de Anxo Moure. Un espectáculo que estará acompañado nalgunhas localidades por animación da música en directo de Servando Barreiro.
Ademais, durante ‘Vive o Camiño’ presentarase o novo espectáculo de Magín Branco e completarán a oferta a cantante Silvia Penide, co seu espectáculo Feminino Plural, e Najla Shami, con Camiños de culturas, que estará acompañada por guitarrista e, nalgúns casos, por percusión, para facer orixinais mesturas entre música galega e outras de sons africanos, brasileiros e mesmo o jazz.
Ademais, durante este ano realizaranse en ambas as itinerarios accións de acondicionamento e sinalización cun investimento de 2,5 millóns de euros, co que se quere facer un reforzo da capacidade de acollida, sinalización, promoción destas rutas xacobeas.

This site is registered on wpml.org as a development site. Switch to a production site key to remove this banner.