O Consello das Comunidades Galegas explicita o seu apoio á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade

A Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, o órgano no que delega, por votación, a súa representación o Consello das Comunidades Galegas, celebrou en Nogueira de Ramuín o seu X Pleno no que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez-Feijoo, que agradeceu o traballo da comunidade na diáspora como embaixadores de Galicia e animounos a seguir traballando por «unha terra orgullosa de ser o que é, e que se fai escoitar nun século complexo”.

Na súa xuntanza, a comisión elaborou un escrito no que explicitaban o apoio das comunidades galegas no exterior á candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, algo que o titular da Xunta tamén agradeceu, lembrando as grandes leccións que Galicia aprendeu grazas á diáspora. “Grazas a vós, contamos cunha experiencia que a maioría dos pobos non teñen. A emigración transmitiunos unha sabedoría impagable para lograr que Galicia estea presente na globalización. Grazas a vós, o galego do século XXI é alguén capaz de incorporar diferentes identidades e, polo tanto, capaz de entender outras culturas e ser entendido por elas”, incidiu.

Durante o decurso desta, na xornada, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, informou sobre o estado das liñas de actuación do seu departamento neste ano 2015, no que se teñen rexistrado importantes adiantos cronolóxicos na convocatoria e resolución das ordes de axuda e subvencións. E procedeuse, ademais, a expoñer o estado procedemental do Decreto polo que se aproba o regulamento e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas, segundo dos decretos que desenvolve a nova Lei de galeguidade.

O Consello das Comunidades Galegas é o órgano formado por máis dun centenar de centros e casas de Galicia recoñecidas oficialmente en todo o mundo.

A oferta turística galega promocionarase en Río a través dun convenio de colaboración entre Xunta, Clúster do Turismo e empresarios do sector

O protocolo de colaboración asinado cos empresarios cariocas contempla o desenvolvemento de prácticas profesionais no tecido turístico galego de estudantes e profesionais do sector turístico brasileiro a través do CTG

A viaxe do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda a Brasil, rematou coa sinatura do protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Clúster Turismo de Galicia e a Asociación de Empresarios Galegos de Río de Janeiro, para a promoción turística de Galicia nas principais cadeas hostaleiras da cidade con mais atractivo para os visitantes do Brasil. A sinatura do compromiso fíxose no marco dunha xuntanza de traballo desenvolvida entre Miranda e os empresarios e entidades asociativas do sector turístico, entre os que se contan moitos emprendedores galegos que realizan parte das súas actividades no país carioca como o propietario de la cadea hostaleira Windsor, José Oreiro; o presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Río e director xeral da Organização Nacional da Indústria do Petróleo, Eloy Fernández; ou o vicepresidente da Asociación de Empresarios Galegos en Río, José Paredes; todos eles galegos. Ademais, tamén están presentes o conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España, Pablo Figueroa; e mailo presidente da Associaçao Brasileira da Indústria de Hotéis – Río de Janeiro, Alfredo Lopes de Sousa Jr., cuxa presenza foi moi importante para estender a colaboración entre a Xunta de Galicia e os empresarios galegos asentados en Río a tódolos emprendedores do sector, tamén aos naturais do Brasil.

O protocolo tamén contempla facilitar o intercambio de estudantes e profesionais do sector turístico entre Galicia e Río de Xaneiro, en especial alumnos de ciclos formativos profesionais medio e superior, así como estudantes de ensinanza superior en turismo. Igualmente, estipúlase o impulso ao desenvolvemento de prácticas profesionais no sector empresarial turístico galego, a través do Clúster Turismo de Galicia.

Cómpre sinalar que o peso específico dos empresarios galegos no sector hostaleiro carioca é moi relevante, calculándose que máis de metade das camas dispoñibles para pernocta turística en Río e a súa contorna pertencen a cadeas de propiedade galega total ou parcialmente, razón polo cal é posible a realización, e previsible éxito, desta promoción.

Colectividade galega
Con esta xuntanza, Rodríguez Miranda finaliza esta nova viaxe ao Brasil, na que, ademais de achegarse á realidade e actualidade das comunidades galegas, levou a cabo diversos contactos institucionais coas autoridades locais, e tamén asinou outro acordo en materia asistencial, concretamente coa Asociación ‘Recreio dos Anciâos’, que celebraba o seu 75 aniversario.

Este sitio está registrado en wpml.org como sitio de desarrollo. Cambie a una clave de sitio de producción para remove this banner.